«Todas as familias felices se parecen unhas ás outras, pero cada familia desgraciada éo ao seu xeito.» Con estas palabras inesquecibles abre Anna Karénina, un monumental fresco sobre o amor, a culpa e os límites da liberdade na Rusia aristocrática do século XIX, e unha das grandes obras mestras da literatura universal. Ambientada entre Moscova e San Petersburgo, a novela enlaza dúas historias que se complementan e dialogan entre si. Dun lado, a de Anna Karénina, unha muller atrapada entre as convencións sociais e a paixón irrefreable que sente polo oficial Aleksei Vronski. Doutro, a de Konstantín Liovin, un fidalgo rural que procura darlle sentido á súa vida por medio do traballo, o amor e a reflexión sobre os grandes interrogantes da existencia. Cunha fondura psicolóxica e unha capacidade de observación notables, Tolstói recrea o mundo da aristocracia e do campo, as tensións entre tradición e modernidade, a vida familiar, a política, a relixión e os conflitos morais que seguen a interpelar os lectores de hoxe. Anna Karénina compón unha análise abismal da alma humana e un retrato maxistral do seu tempo.